Thursday 16 de May de 2024

Ordes aproba irmandarse coa cidade mexicana de Veracruz, lugar de finamento de Isabel Zendal


Baixadas do imposto de tracción mecánica, IBI e ICIO; os contratos menores; o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano da Coruña e o convenio de cooperación con Andaina Pro Saúde Mental foron outros dos temas debatidos no pleno deste mes

O pleno de Ordes acordou onte irmandar o Concello coa cidade mexicana de Veracruz, lugar de finamento da súa filla predilecta Isabel Zendal. A medida foi respaldada por todos, agás o g rupo dos non adscritos baseándose en aspectos económicos. O que si foi aprobado por unanimidade foi o convenio de cooperación con Andaina Pro Saúde Mental, co que se lle cede o inmoble de titularidade municipal situado na rúa Galicia para actividades terapéuticas, rehabilitadoras e de índole social.
A moción presentada por Susana García, concelleira de Educación e Benestar Social ademais de deputada provincial, non puido saír adiante ao contar só cos votos do grupo de Goberno (5). Trátase dunha proposta dirixida ao Concello da Coruña para que permita a posta en marcha do Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano oa centro da cidade da Coruña. O proxecto contempla que 43 liñas realicen paradas nos lugares de maior interese para os veciños e veciñas da área. Estas sitúanse nas prazas de Ourense e Pontevedra, Entrexardíns, Alfonso Molina, Linares Rivas ou A Palloza. Solicítaselle ao Concello herculino a autorización de licenzas para acometer obras de adecuación en paradas e a contratación e execución de obras pola súa parte. Tamén se demanda da Xunta a contratación e execución de obras e a posta gradual do dito plan. Ante o descoñecemento e a falta de información por parte da oposición UxO (6) e non adscritos (2) opuséronse, mentres que o BNG (2) e PSOE (1) optaron pola abstención.
Senda peonil no Mesón
A aprobación por parte da maioría volveuse a dar coa moción presentada polo PSOE, na que se insta á Demarcación de Estradas de Galicia a construír unha senda peonil que discorra entre o Canedo e O Mesón do Vento pola marxe dereita da estrada nacional N-550, así como un acceso peonil que cruce cara o futuro tanatorio. Unicamente Pablo Vidal, concelleiro do BNG, se abstivo neste punto por motivos relacionados coa súa actividade profesional, “e non por non estar de acordo co que se solicita”, según el mesmo puntualizou.
Baseándose nos informes dos técnicos municipais o grupo de Goberno non apoiou a redución das ordenanzas fiscais reguladoras sobre os impostos de vehículos de tracción mecánica, bens inmobles e actividades económicas. Estas medidas foron presentadas polo grupo dos non adscritos, quenes recibiron o respaldo dos votos procedentes dos socialistas e UxO, mentres que os nacionalistas avogaron pola abstención. O alcalde de Ordes avanzou que analizará a obrigatoriedade de ter que levar a cabo esta medida e amosou a súa preocupación polo perxuizo e desestabilización financieira que propostas deste tipo poden supoñer de cara a elaboración dos orzamentos municipais. Seguindo co tema Martínez Sanjurjo anunciou intención de abordar unha baixada de impostos ao longo do exercicio 2018, co fin de dar cumprimento ao programa electoral.
Pola súa banda o BNG, coa súa concelleira Paula Castenda de baixa médica, solicitou bonificacións no imposto sobre construccións, instalacións e obras (ICIO) para aquelas empresas que concorren en circunstancias de fomento do emprego. Unha vez máis os informes en contra por parte de Secretaría e do Departamento de Intervención levaron ao Goberno a rexeitar a medida, que si foi apoiada polas forzas restantes. Onde si acadaron os nacionalistas o consenso de todos foi na solicitude a ADIF de manter a estación de Fosado en condicións de seguridade e salubridade axeitadas, dados os desperfectos e falta de limpeza que ven presentando nos últimos meses.
Pouco operativa
De “pouco operativa, pouco seria” e “ilegal” calificou o alcalde a proposta de UxO en relación cos contratos de obra menor por parte do Concello. Según Martínez Sanjurjo a aprobación da dita proposta suporía “a paralización do Concello” co fin de “entorpecer o labor de quen está gobernando, que é o que realmente se pretende con esta moción”. Tras un intercambio de impresións con Silvia Marín, voceira de UxO, o secretario municipal solicitoulle un cambio de plantexamento para poder debatir correctamente a súa moción. Unha vez máis reprobóuselle a Marín, esta vez por parte do rexedor, a súa ansia de intromisión “en funcións e competencias exclusivas da Xunta de Goberno Local que non lle corresponden ao Pleno”. Aínda así, en prol da transparencia e do consenso, finalmente aceptouse o debate que terminou cos votos favorables de UxO, PSOE e non adscritos, as abstencións do BNG e os votos en contra do grupo de Goberno.